Feijóo convoca as eleccións para o 12 de xullo

GALICIA> Galicia votará o 12 de xullo. O presidente da Xunta desvelou hoxe a data das eleccións galegas. Alberto Núñez Feijóo asegura que a celebración dos comicios celebrarase con tódalas garantías de seguridade sanitaria. Indica que os informes xurídicos e sanitarios acreditan que hai menos incertezas a comezos do verán.  Con todo, o decreto de convocatoria das eleccións contempla a posibilidade de volver suspende-la cita coas urnas, no caso de que se dese unha circunstancia extraordinaria, como un rebrote do coronavirus.

As eleccións galegas celebraranse o 12 de xullo. Acordouse está mañá nun Consello da Xunta Extraordinario.

Alberto Núñez Feijóo sinala esta data como a máis prudente. Indica que os informes xurídicos e sanitarios acreditan que hai menos incertezas a comezos do verán.

O presidente da Xunta comprométese a que a cita coas urnas conte con tódlas garantías de seguridade sanitaria. Con todo, o decreto de convocatoria contempla a posibilidade de que os comicios se podan volver suspender, no caso de que se dese unha circunstancia extraordinaria, como un rebrote do coronavirus.

Se iso acontecese, habería marxe ata outono para fixar outra data, antes de que remate a lexislatura. Nese sentido, Feijóo indica que é a súa obriga que Galicia conte cun presidente lexítimo e un parlamento en plenas funcións.

A campaña electoral durará os 15 días que establece a lei, aínda que o PP xa anunciou que reducirá a actividade.

Dende os grupos da oposición, só Ciudadanos e En Marea, avalan a convocatoria en xullo, aínda que a formación rupturista prefería a seguinte fin de semana.

PSdeG, BNG e Galicia en Común critican o anuncio de Feijóo. Os socialistas acusan ó popular de impoñe-lo seu calendario electoral, sen contar coa opinión maioritaria dos partidos.

Para o BNG, o anuncio das eleccións é unha temeridade e unha irresponsabilidade por parte de Núñez Feijóo, argumento que comparte tamén Galicia en Común. Esta última formación atribúe a decisión á ambición política e persoal do líder do PPdeG.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí