Os patróns da Arousa reclaman solucións ó libre marisqueo

    VILANOVA> Os patróns maiores da Arousa reuníronse onte en Carril para analizar a evolución dos primeiros días da apertura da campaña de libre marisqueo. O resultado dos primeiros catro días, como se agardaba, foi nefasto, co que piden solucións á Consellería do Mar.

    Menos dunha semana de traballo foi suficiente para constatar que no libre marisqueo case non hai producto: o berberecho morreu case todo e a penas hai ameixa, polo que os topes establecidos: 5 quilos de berberecho, tres de fina, tres de xapónica e dous de babosa son imposibles de coller. Moitos mariscadores xa non ven rendible traballar alí. Deste xeito cúmprense as previsións máis pesimistas dos rañeiros da Arousa. Ante esta situación algunhas Confrarías xa barallan abrir algunha concesión de seu para o marisqueo a flote aínda que case todas, ou están sobreexplotadas ou estaban a reservalas para máis adiante: cando minguase a producción do libre marisqueo ou para épocas próximas ó Nadal cando hai máis demanda, e consecuentemente, mellores prezos. Patróns maiores como o rianxeiro ven como unha pequena válvula de escape a esta situación, que se lle permita a alternancia. Outra das solucións que apuntaron é a apertura da explotación do relojito; un tipo de ameixa que se está a facer dona dos areais restando espacio a outras ameixas de maior valor. Segundo os estudios que posúen os patróns maiores da Arousa esta especie conta cuns niveis de chumbo dentro do permitido, co que non habería problema para extraela. Pero a solución urxente que agardan os patróns maiores terá que vir do Executivo Autonómico. Os cabildos arousáns reclaman unha xuntanza con alguén significativo da Consellería do Mar que lles ofreza unha solución viable a este grave problema. De momento non hai data para esa reunión ca Consellería do Mar, na que as Confrarías da Ría da Arousa agarda que se poñan sobre a mesa axudas para a recuperación das zonas de libre marisqueo. Noutros bancos de libre marisqueo coma Cabío ou o Bohído a situación non está mellor, polo que moitos mariscadores decidiron enrolarse noutras confrarías, como é o caso da de Noia.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/07/patrons.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/07/malveiras_libre_marisqueo.mp4{/flowplayer}