Hernández e Fole inauguran as melloras do encoro do Con

     VILAGARCÍA> Contaron cunha inversión de 1,5 millóns de euros. Agustín Hernández tamén anunciou que a Xunta investirá 11 millóns no saneamento da cidade

    {flowplayer}images/salnes/VisitaMatiEncoro_150513.flv{/flowplayer} 

    A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investiu máis de 1,5 millóns de euros na execución das obras de mellora e automatización da presa do Con, en Vilagarcía de Arousa. Así o sinalou esta mañá o conselleiro Agustín Hernández, que visitou estas actuacións rematadas xunto ó alcalde Tomás Fole. O proxecto centrouse na mellora da presa, reforzo dos cimentos e modernización do seu sistema. Tamén se instalou un sistema telemático para a mellora do control das entradas e saídas da presa e construíuse unha nova caseta de control.

    Agustín Hernández aproveitou a súa visita a Vilagarcía para manter unha reunión co alcalde para abordar diferentes cuestións. O conselleiro destacou que a redacción do Plan de Saneamento Local da marxe esquerda da Ría de Arousa para o Concello de Vilagarcía está finalizada, supoñendo isto un diagnóstico dos problemas da rede e as actuacións necesarias para solucionalos, cun investimento de 11 millóns de euros.  Nos vindeiros días presentarase o proxecto que recollerá tanto as pequenas accións que se levarán a cabo como as de máis calado. Hernández salientou que actuarán con celeridade no saneamento da praia da Concha – Compostela.

    En relación ó río do Con, o conselleiro sinalou que as obras de acondicionamento no seu paso pola rúa Rodrigo de Mendoza serán licitadas a comezos deste verán e que ademais o seu departamento está a traballar nun proxecto que permitirá de solucionar os problemas ocasionados polas inundacións.

    Redacción Salnés