A Amtega promove unha nova edición das Xornadas de Informática Xudicial

GALICIA> A Cidade da Cultura de Galicia acollerá a cuarta edición das Xornadas de Informática Xudicial, organizadas un ano máis polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Baixo o nome ‘A xustiza ante a sociedade 2.0. Móbiles, nube, redes sociais e Big Data’, o encontro ten como obxectivo informar os profesionais do ámbito xudicial de Galicia sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como da exposición de casos concretos que expoñerán relatores de alto nivel. O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, será o o encargado de inaugurar as xornadas este venres e a directora de Amtega, Mar Pereira, clausurará o encontro. Un ano máis as Xornadas de Informática Xudicial consolidan o seu papel de foro de debate sobre temas de actualidade para a administración de Xustiza. O obxectivo é o de contribuír e incrementar a efectividade e eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses. Con máis de 100 inscritos e tras o éxito de edicións anteriores, as xornadas constitúen un punto de encontro e de debate entre técnicos e xuristas. Nesta edición os asistentes poderán escoitar a profesionais como o maxistrado e xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco; o avogado Jorge Campanillas Ciaurriz, especializado en dereito das Tecnoloxías da Información ; Jorge Martín García, inspector da policía científica; o membro da Europol Jaap Van Oss especializado na ciberdelincuencia; o profesor de Dereito Administrativo Julián Valero-Torrijos; o analista en seguridade informática e socio de DinoSec Raúl Siles Peláez, e o xa coñecido community manager da Policía Nacional, Carlos Fernández Guerra.