O executivo ribeirense reestrutura varias áreas de goberno

    RIBEIRA> A edil Mari Carmen Vizcaya, asumirá as competencias en Servizos Sociais e Promoción Social, que ata o de agora viña desempeñando Vicente Mariño. Segundo fontes do propio executivo as razóns deste cambio responden ás necesidades desta área municipal, para que goce dunha maior atención presencial. Mari Carmen Vizcaya, xubilada e con experiencia xa á fronte deste Departamento na etapa na que Xosé Luis Torres Colomer estivo de alcalde, compaxinará a súa nova atribución coa carteira de Educación. Pola súa parte, Vicente Mariño, que mantén as delegacións de Consumo e Sanidade e a terceira Tenencia de Alcaldía, poderá dedicar máis tempo a unha das actuacións que o goberno local considera prioritarias na presente lexislatura, como é a construción do novo mercado municipal.