
O SALNÉS> O candidato a liderar o PSOE de Vilagarcía nas vindeiras primarias do partido visitou onte Pleno Aberto. Na súa entrevista Alberto Varela criticou a acción do goberno municipal que lidera Tomas Fole ó que acusa de estar en constante confrontación cos colectivos sociais do Concello.
Alberto Varela é o avogado que leva a asesoría xurídica da xerencia municipal de urbanismo de Vilagarcía desde fai 9 anos, e agora, amais, pretende optar á alcaldía deste Concello. Antes da súa futura cita cas urnas nos vindeiros comicios, Varela debe ser escollido polos seus compañeiros de partido; nas primarias que o PSOE de Vilagarcía celebrará o vindeiro día 30. Segundo declarou onte Alberto Varela, nestes tempos de descrédito da clase política é o momento para dar un paso adiante e presentar propostas para cambiar o seu Concello. Postúlase así para tomar o relevo do Goberno de Tomás Fole, o que asegura que lle quedou grande o cargo de alcalde. Este socialista censurou o clima de confrontación constante que ten Fole cas asociacións locais, así como a falla de apoio ós sectores económicos claves. Neste senso, Alberto Varela avogou pola firmeza para poder planificar o chan en Vilagarcía. Varela criticou tamén accións do goberno recentes como a tala dos árbores do Parque da Xunqueira ou o gasto de 12.000 euros en mobiliario para a sala de xuntas de Ravella. Entre outras medidas, Varela propón a aplicación de orzamentos participativos, nos que sexan os cidadáns os que decidan en que se inviste; rompendo así co abandono das parroquias que sinalan constantemente os veciños do rural.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/08/alberto.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/08/alberto_varela_pleno_aberto.mp4{/flowplayer}








