Adisbismur loita pola integración das persoas con discapacidade

    OUTES> Da man da coordinadora de Adisbismur, Fina Lestón, visitamos as instalacións que a entidade ten en Valadares. Trátase dun centro de día e centro ocupacional para persoas con discapacidade ó que diariamente acoden unhas 40 persoas todas elas da comarca de Muros-Noia. Nas instalacións préstanse numerosos servizos, na maior parte dos casos de apoio, tratando de fomentar a súa autonomía persoal, a través de programas de saúde e formación para potenciar neles hábitos de vida diaria. Tamén se lle dá a moitos deles, aqueles que máis o precisan, outro tipo de atencións como é o caso de rehabilitación. Un dos problemas deste tipo de entidades é o seu financiamento. Moitos dos programas que desenvolven poden levarse a cabo grazas a axuda das diferentes Administracións como é o caso da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. Hai varias semanas Adisbismur asinaba tamén un importante convenio de colaboración coa Deputación da Coruña, ó redor duns 51 mil euros, que permitirán poder levar a cabo un obradoiro de viveirismo e diversas melloras no propio centro. Con este tipo de iniciativas e programas Adisbismur pretende continuar co desenvolvemento das habilidades persoais e sociais dos usuarios, na procura dun dos seus principias obxectivos, mellorar as súas capacidades de cara a unha mellor autonomía persoal e promocionar o seu acceso ó mundo laboral.