Muros-Noia explota a súa paisaxe virxe como elemento turístico diferenciador

    PORTO DO SON> As rías galegas tal como eran. Este é o lema que resume a campaña de promoción turística do destino Muros Noia. Dentro do plan estratéxico para dinamizar turísticamente esta ría destaca o deseño dunhas guías de servizos e actividades que xa están listas para os visitantes que se acheguen ata a zona esta Semana Santa. O principal atractivo da ría de Muros Noia e que conserva o seu aspecto orixinal. O moderado crecemento urbanístico respectou o encanto tradicional das vilas encaixadas nesta ría que pode presumir de ser aínda unha xoia por descubrir. Precisamente esa é a baza coa que xoga a asociación turística que, tralo seu paso por FITUR, vén de poñer en marcha un ambicioso plan para dar a coñecer este xeodestino. O primeiro paso foi a edición de material informativo e unha guía cos servizos e actividades dispoñibles en tódolos concellos da comarca, dende rutas de sendeirismo ata itinerarios culturais. As publicación xa están a ser distribuídas co obxectivo de que estean a disposición dos visitantes durante a Semana Santa. A máis longo prazo, a intención da entidade é tamén contar con informadores turísticos físicos en tódolos eventos de relevancia. E finalmente, o deseño dun plan estratéxico con accións conxuntas coordinadas entre os cinco concellos. O acto de presentación desta campaña rematou coa proxección dun vídeo que recolle o potencial de cada un dos concellos. Potencial que, coa unión de tódolos concellos e dos axentes turísticos públicos e privados , pode consolidar esta ría como un dos destinos máis completos de Galicia.