Lousame aposta pola inserción laboral da muller rural a través do programa Aurora

    LOUSAME> O concello de Lousame é o único municipio da provincia da Coruña que participará no Programa Aurora, unha iniciativa do Instituto da Muller que pretende promover a inserción sociolaboral das mulleres do rural. O programa, que contará coa financiamento do Fondo Social Europeo e coa colaboración do Concello de Lousame, pretende mellorar a participación social e laboral das mulleres do rural, co obxectivo último de contribuír a un desenvolvemento sostible da zona, evitando a despoboación e posibilitando unha maior incorporación das mulleres á actividade económica. No Programa Aurora 2014 participarán mulleres dun total de 38 concellos rurais de toda España, dos que sete son galegos: Lousame (A Coruña), Catoira (Pontevedra) e Maceda, Amoeiro, Castrelo de Miño, Pobra de Trives e A Veiga (Ourense). Concretamente, en Lousame poderán participar entre 20 e 30 veciñas, que poden conseguir máis información e anotarse nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494. A participación é totalmente de balde. O Programa Aurora desenvolverase en Lousame a través dun itinerario secuenciado en dúas fases, que teñen en conta tanto os aspectos persoais como profesionais das mulleres. Na primeira fase traballaranse aspectos persoais tales como as necesidades e as demandas das mulleres, os seus coñecementos e as súas expectativas, entre outros. Despois, nunha segunda fase, traballarase a motivación laboral e a formación ocupacional .