A Deputación da Coruña renova o seu compromiso coa Fundación 10 de marzo

GALICIA> A Deputación da Coruña renova o seu compromiso coa Fundación 10 de marzo para o proxecto de investigación, recuperación, conservación e difusión do seu arquivo histórico. A través dun convenio firmado entre o presidente provincial, Diego Calvo, e o presidente da fundación, Xan María Castro Paz, a entidade, vinculada ao sindicato de Comisións Obreiras, recibirá 9.238,75 euros para desenvolver os traballos de organización, clasificación e catalogación da colección fotográfica do seu arquivo histórico. Neste acordo tamén está incluída unha primeira fase de restauración do fondo documental de José Pasín Romero. Con esta achega, ademais da recuperación de documentos, abonarase tamén parte dos salarios dos traballadores. En total, a Deputación asume o 80% do orzamento total, que ascende a 11.550,29 euros.