O pleno rexeita a moción na que o PP pedía 5 millóns de euros para investir en Monte Porreiro

PONTEVEDRA> O barrio de Monte Porreiro centrou o principal debate do pleno municipal celebrado hoxe en Pontevedra. O Partido Popular levara á sesión unha moción para reclamar un investimento de cinco millóns de euros para a zona que, asegura, está a ser castigada e abandonada polo goberno local. Os votos de BNG e PSdeG foron suficientes para frear a proposta dos populares, que dende o bipartito consideraron falta de rigor.

Cinco millóns de euros en investimentos reclamaba o Partido Popular de Pontevedra para o barrio de Monte Porreiro. A formación levou hoxe esta petición ao pleno en forma de moción, botando en cara ao goberno local o abandono da zona.

Entre as peticións dos populares están a reforma das beirarrúas, a humanización do barrio, o incremento nun 50% dos puntos de luz, a mellora da limpeza, máis presenza policial e melloras tanto no parque do Miradoiro como no campo de fútbol e no pavillón. Segundo o concelleiro de Obras, é falso que nos últimos anos non se actuara no barrio.

Tamén interviu no debate Iván Puentes. Na súa estrea como voceiro municipal do Partido Socialista, asegurou que nos últimos anos só os investimentos impulsados dende as concellerías socialistas xa acadaron o millón de euros.

A moción foi rexeitada cos votos en contra do BNG e do PSOE. Só o Partido Popular votou a favor da súa proposta. O concelleiro non adscrito, Goyo Revenga, optou pola abstención.