Catro alumnas da Esdemga sorprenden a Zara

PONTEVEDRA> Pontevedra volve a ser un referente no sector da moda. Nesta ocasión grazas ao novo fichaxe dunha das tendas do grupo Inditex. Zara abriu as súas portas aos novos deseñadores e o fixo, nin máis nin menos, que cunha colección creada por estudantes da Esdemga. A proposta, “Now Becoming Then”, xa está dispoñible en todas as tendas.

Now Becoming Then. Ese é o nome da colección creada por María Lázara, Silvia Marra, Alexandra Pais e María Cuntín. Catro alumnas da Esdemga que sorprenderon co seu traballo a  Zara e que agora forman parte do proxecto da multinacional galega coñecido como View.s.

Now Becoming Then ofrece unha selección de pezas inspiradas nunha viaxe ao espazo. Unha colección con prendas románticas e fluídas e de corte minimalista. Cunha paleta en cores pasteis e cunha visión futurista.

Este é o reflexo de moitos meses de esforzo. Un traballo que deu a súa recompensa e que agora enche de orgullo as alumnas e, por suposto, á Esdemga.A colección xa está dispoñible na páxina web e en todas as tendas de Zara. Un proxecto que volve a reflectir a gran calidade que hai neste centro de Pontevedra.