GALICIA> A Xunta dá por rematada a situación de emerxencia sanitaria pola covid19. Foi decretada en marzo do ano pasado e chegará á súa fin este vindeiro sábado. A boa situación epidemiolóxica leva ó goberno galego a levanta-la medida, ao tempo que se recupera o 100% da capacidade para todas as actividades. Bares, restaurantes e locais de ocio nocturno poderán, ademais, amplia-los seus horarios.
Galicia segue avanzando na volta á normalidade. Hoxe co anuncio de que a situación de emerxencia sanitaria chega á súa fin. Está en vigor dende que todo comezou, en marzo de 2020, pero o comité clínico avala a decisión do goberno galego de prescindir agora desta medida.
A fin da emerxencia sanitaria non implica baixa-la garda. A Xunta, di Rueda, botará man da Lei galega de saúde para actuar cando sexa preciso.
O levantamento da emerxencia sanitaria non é o único anunciado hoxe. Recupéranse as capacidades ao 100% en todas as actividades que aínda estaban limitidas, principalmente hostalería e ocio nocturno. Ademais, amplían os seus horarios de peche.
Tamén rematan as restricións que aínda estaban en vigor nas residencias. Os seus usuarios poderán saír como antes da pandemia e tamén recibir visitas, aínda que con cita previa.