Ribeira busca un servizo de xestión de residuos máis eficiente

    RIBEIRA> O concello de Ribeira saca a contratación o servizo de limpeza pública urbana, recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e a xestión do punto limpo mediante concesión. O contrato terá unha duración de 12 anos e o orzamento base de licitación anual ascende a un total de 1.978.687,15 euros, IVE incluído. O procedemento de licitación é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación. A partir deste venres ábrese un prazo de 45 días hábiles para a presentación de ofertas. As propostas deben ser achegadas ao Rexistro Xeral do Concello de Riveira. No novo contrato o Concello de Riveira persegue unha xestión de residuos máis eficaz, a través de determinados aspectos como a introdución da carga lateral, primando que o concesionario logre reducir as toneladas de bolsa negra, incluíndo a xestión de algas na recollida en praias e avogando por un maior compromiso social a través da valoración de que se incorporen empresas de economía social na xestión de papel cartón. Ademais, polo que respecta á limpeza viaria se ampliará o servizo a praias e paseos marítimos e se inclúe o desbroce de beirarrúas, limpeza de zonas verdes e recreativas e miradoiros, pintadas e mobiliario urbano e unha limpeza específica previa ao comezo da tempada de verán. O novo modelo aposta ademais pola tecnificación, de xeito que, co fin de garantir a eficiencia no servizo, se controle en tempo real as rutas e ubicacións dos elementos móbiles a través de sistemas de localización.