BOIRO> Tensa sesión a vivida a pasada tarde en Boiro en relación á acción municipal en materia de colaboración cos clubs deportivos. O pleno extraordinario foi convocado a solicitude da oposición, tras coñecer a difícil situación que atravesa o Rotogal Boiro Voleibol.
A pasada tarde celebrouse o pleno extraordinario solicitado polos grupos da oposición para instar ó concello de Boiro a cumprir coas obrigas económicas cos clubs deportivos do municipio. A corporación aprobou de xeito unánime o único punto da orde do día, tras unha tensa sesión na que non faltaron os reproches entre goberno e oposición. Os membros do executivo acusan ó resto dos grupos de utilizar este argumento como escusa para debilitar ó goberno.
O edil de Promoción Económica defendeu a acción municipal en materia de colaboración cos clubs deportivos, indicando que a problemática do Rotogal Boiro Voleibol é un caso puntual con implicacións xudiciais que non competen á administración local.
Algo no que non está de acordo o Partido Popular acusando ó goberno de comprometer axudas ós clubs deportivos que non se chegan a materializar.
Pola súa banda, BNG e ICBoiro, afearon a actitude do alcalde no último pleno ordinario cando o presidente de Rotogal interviu para formular unha serie de preguntas que, a xuízo da oposición, non foron contestadas negándolle a quenda de réplica.
A pesar do desacordo imperante durante toda a sesión, a votación saíu adiante por unanimidade ó considerar o goberno unha obviedade a solicitude de atender as obrigas económicas coas entidades deportivas.