‘Vellez Digna’ insiste na intervención da residencia de maiores de Ribeira

RIBEIRA> Dendo este colectivo entenden que a xestión por parte de DomusVi non está a ser a correcta. Poñen como exemplo a situación vivida noutras residencias xestionadas por esta empresa como é o caso da de Ribadumia.

O último parte facilitado por Política Social cifra en 74 o número de positivos do brote da residencia de maiores de Ribeira, 61 usuarios e 13 traballadores. nas últimas 24 horas coñecíase o falecemento dun dos internos deste centro que fora trasladado hai uns días para o seu tratamento ó Centro Galego de Desenvolvemento Integral, Cedagi. Trátase de José López, ‘Joseíño’, de 79 anos, unha persoa moi coñecida no Barbanza, vinculada ó mundo do fútbol, masaxista de equipos como o Boiro e o Ribeira. Polo que o coñecemento da súa morte causou gran consternación na comarca.

Vendo a actual situación, e con este volume de contaxios, dende a asociación de familiares e usuarios de residencias Vellez Digna reclaman a súa intervención, ó entender que a actual empresa xestora do centro non foi capaz de impedir o contaxio masivo.

Temen que nesta residencia aconteza o mesmo que xa pasou noutros centros xestionados por este grupo, que, segundo eles, segue primando o beneficio económico sobre a prevención e o coidado dos maiores.

Ademais da súa intervención, dende Vellez Digna solicitan a apertura dunha investigación que determine a orixe do brote e o traslado a fiscalía de toda a información que se teña sobre esta residencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí