O BNG pobrense reclama a posta en marcha dun regulamento de participación cidadá

POBRA> Os nacionalistas consideran que a medida debería levar aparellada tamén a aprobación dun código ético e un plan de transparencia. Trátase dunha proposta que o propio BNG pobrense levaba no seu programa de goberno que agora pretenden que o novo executivo a teña en conta e adopte as medidas que teña que tomar para poñela en funcionamento. Para o voceiro municipal desta formación política, Ramiro Ouviña, dende as institucións políticas debe facilitarse a participación da veciñanza na toma das decisións, polo que é necesario deseñar mecanismos que fagan isto posible. Segundo el o regulamento de participación cidadá debería levar aparellado tamén un plan de transparencia e bo goberno. Ademais e durante o tempo no que o dito regulamento non sexa aprobado, os nacionalistas consideran que o equipo de goberno debería levar a cabo procedementos temporais que permitan a participación directa e efectiva dos veciños e entidades locais nos plenos e nos órganos colexiados do concello.