O uso da máscara será obrigatorio na rúa a partir de mañá cando non se garanta a distancia mínima

GALICIA> O uso da máscara será obrigatorio na rúa a partir de mañá. A medida aplicarase naqueles casos nos que non se poida garanti-la distancia mínima de seguridade de alomenos dous metros. A norma aplicarase para os maiores de 6 anos.

O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe a orde ministerial que regula o uso da máscara. A partir deste mesmo xoves será obrigatorio levala ó aire libre e en calquera espazo pechado sempre e cando non se poida garantir unha distancia mínima entre as persoas de alomenos dous metros.

Segundo esa norma, quedan obrigados a levar máscara nesas circunstancias tódalas persoas de a partir de 6 anos. Para o caso dos nenos de entre 3 e 5 anos, o seu uso é “recomendable”.

A orde ministerial contempla outras excepcións sobre o uso da máscara. Non estarán obrigadas a levala aquelas persoas que presenten algún tipo de dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso deste elemento de protección. Tampouco terán que levalas aquelas persoas para as que resulte contraindicado por motivos de saúde debidamente xustificados ou que pola súa situación de discapacidade ou dependencia presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

Tampouco terán que levalas aquelas persoas para as que resulte incompatible co desenvolvemento da súa actividade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí