Os cinco finalistas de ‘Xuventude Crea’ encherán Outes de teatro

    OUTES> A Casa da Cultura de Outes acolle as actuacións dos cinco grupos teatrais finalistas da especialidade de Xuventude Crea, o certame da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar que ten por finalidade establecer unha vía para que a mocidade poida manifestar o seu talento e creatividade. A primeira das actuacións correrá a cargo de Teatro La Passoire, de Ourense, coa obra ‘Fétide Nettoyage’. O mércores actuarán dous grupos: ás cinco Vai no dentista do IES Arcebispo Xelmírez I, de Santiago, coa obra ‘Fóra de xogo’; e ás oito e media Pinchacarneiro Teatro, de Noia, con ‘Tralo telón’. O venres representarán a obra ‘Underground Non si?’ o grupo Teatro de Baiona; e o luns próximo Os farsantes Teatro de Vigo coa obra ‘Vincent’. As cinco están incluídas no programa ‘Outono teatral’ do Concello de Outes. A entrada será de balde, ata completar aforo. Os grupos finalistas reciben unha axuda de 650 euros para esta actuación final. No certame ‘Xuventude Crea do 2014’, respecto da edición anterior, produciuse un incremento de proxectos presentados, así como de mozos participantes. En concreto, nesta última edición se presentaron un total de 263 proxectos, individuais e en grupo, para as once especialidades previstas: teatro, música, artes plásticas, deseño de xoias, carteis, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación e graffiti. Foron 358 os participantes, mozos e mozas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos.