SANTIAGO> Fiscalía e acusación particular presentaron hoxe as súas conclusións no xuízo polo crime de Diana Quer. Despois do escoitado nestas dez xornadas, manteñen a petición de prisión permanente revisable para O Chicle. Consideran probado que cometeu os delitos de detención ilegal, agresión sexual e asasinato con aleivosía e asañamento. A defensa exporá mañá as súas conclusións, nas que recoñece o homicidio doloso, castigado con penas de entre 5 e 7 anos de cadea.
Fiscalía e acusación consideran probado que O Chicle raptou, violou e asasinou a Diana Quer. Hoxe nas súas conclusións reafirmáronse á hora de pedir a prisión permanente revisable.
Insistiron en que a morte non foi accidental, como declarou José Enrique Abuín. Aseguraron que se trata dun depredador sexual cun modus operandi que repite coas súas vítimas, e restaron importancia á ausencia de ADN no cadáver de Diana.
Ademais, ven probado que actuou con asañamento e aleivosía: abordouna nunha zona afastada da Pobra, quitoulle o teléfono móbil para deixala indefensa e golpeouna para aturdila. Despois, trasladouna no maleteiro do seu coche ata a nave, onde a tivo á súa mercé durante máis dunha hora e media.
Acusación e Fiscalía reclaman que non se teña en conta o atenuante de confesión, xa que O Chicle deu ata tres versións diferentes do sucedido.