O concello de Ribeira defende a idoneidade das obras de mantemento no camiño da Pedra das Cabras

RIBEIRA> O concello de Ribeira defende o acondicionamento do camiño da Pedra das Cabras tralas críticas de Apatrigal.  A administración local entende que se trata dunha actuación respectuosa co medio ambiente e moi necesaria ante o mal estado que presentaba o camiño.

O acondicionamento da senda peonil que dá acceso ó petróglifo da Pedra das Cabras segue a dar que falar. O concello de Ribeira, promotor da obra, saíu ó paso das críticas da Asociación en Defensa do Patrimonio de Galicia que cualificou a actuación de aberración. Pola contra, a administración local defende o acondicionamento do camiño que se atopaba en moi mal estado.

O alcalde insiste ademais en que se están a utilizar materiais respectuosos co medio como terrazo natural para evitar o impacto na contorna desta zona de gran valor patrimonial.

A actuación conta con tódolos permisos e informes que avalan a súa idoneidade e contribuirá a facilitar o acceso a un dos petróglifos máis senlleiros de toda Galicia.