Ethel Vázquez destaca o carácter transformador dos proxectos de humanización na AC-305

RIBEIRA> A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou esta mañá, xunto aos técnicos da Fundación Ría,  o proxecto ‘De estrada a rúa. Análise de actuacións na AC-305’.

Segundo ela trátase dunha actuación ambiciosa, integral e transformadora nesta estrada, de titularidade autonómica, impulsando actuacións de humanización en cinco travesías da mesma: Palmeira e Coroso en Ribeira, o centro urbano da Pobra; Escarabote en Boiro e Taragoña en Rianxo.

O proxecto conta cun orzamento total previsto que supera os doce millóns de euros.

Tomarase coma proxecto piloto de referencia a actuación prevista para Palmeira. Será a primeira en iniciarse e segundo as estimacións que manexa a propia Consellería de Infraestruturas prevese que as obras saian a licitación xa finais de ano para comezar na vindeira primavera.

O obxectivo das intervencións, deseñadas pola Fundación RIA en visión conxunta cos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, é gañar espazo para as persoas, desde unha perspectiva global compatible coa actividade empresarial, comercial e portuaria de cada zona.

Trátase de dar prioridade á mobilidade peonil, promovendo aparcadoiros disuasorios máis afastados do centro neurálxico de actividade, mellorando tamén o acceso ó transporte público ou a ampliación de beirarrúas.