O porto da Pobra renova o certificado de calidade ambiental EMAS

    POBRA> Portos de Galicia ven de recibir notificación da renovación da certificación ambiental europea Emas outorgada ao peirao da Pobra do Caramiñal. Con esta acreditación, o organismo que preside José Juan Durán prorroga o recoñecemento comunitario á xestión sostible e a auditoría medioambiental deste peirao, segundo os parámetros establecidos polo Parlamento Europeo. O porto da Pobra do Caramiñal foi o primeiro porto local europeo en recibir esta distinción para o global da súa actividade. Co seu outorgamento recoñécese que Portos de Galicia, como titular desta infraestrutura está a desenvolver unha actividade portuaria eficiente e respectuosa co entorno, seguindo as directrices europeas ao respecto. A certificación renovada agora terá validez ata o ano 2015 e Portos de Galicia deberá entón acreditar de novo o cumprimento da normativa europea de xestión e auditoría ambiental do porto para manter a EMAS. Entre as medidas imprescindibles para a obtención deste certificado contanse, por exemplo, o control do consumo de auga e electricidade, o axeitado tratamento dos residuos portuarios, con especial atención á distinción entre os perigosos e non perigosos, ou a instalación de dispositivos de eficiencia enerxética. A raíz da satisfactoria experiencia da Pobra do Caramiñal, Portos de Galicia está a realizar actualmente os trámites necesarios para solicitar a certificación ambiental EMAS para os 22 peiraos da costa cantábrica coincidentes coa demarcación administrativa da Zona Norte: entre Ribadeo e Ares. Co coñecemento adquirido na iniciativa pobrense, preténdese extender a proposta, de xeito gradual, ao resto do litoral galego, comezando polos portos da Zona Norte, en base a criterios técnicos.