A exposición ‘Fotoxornalismo 2014’ percorrerá varios concellos da provincia

A CORUÑA> A Deputación da Coruña organiza unha nova edición da exposición Fotorxornalismo Coruña 2014. A mostra poderá visitarse ata o día 31 de novembro en horario de doce a dúas e de seis a nove na sala de exposicións Salvador de Madariaga. Nesta edición se presentan 21 imaxes doutros tantos fotoxornalistas cuxo ámbito de traballo é habitualmente a cidade da Coruña. Nas fotografías abórdanse temas moi diferentes dende o deporte ata a política, pasando pola paisaxe e os seus autores son: Amador Lorenzo, Andy Pérez, J. Cabalar, V. Casteleiro, César Delgado, César Quián, Eduardo Pérez, Iago López, Javier Alborés, Jesús Sancho, Marta Capote, Marcos Míguez, Mero Barral, Paco Rodríguez, Carlos Pardellas, Patry Fraga, Pedro Puig, Susy Suárez, Óscar Paris, Torrecilla, Víctor Echave. No seu último ano a exposición se fixo itinerante pola comarca da Coruña e, debido á súa excelente acollida, nesta ocasión amplíase a ruta a outros concellos da provincia. De xeito provisional están xa interesados, ademais de A Coruña, Outes, Fisterra, Malpica, Santiago, Ferrol, Ortigueira, Melide, Ribeira e Ordes. Fotoxornalismo Coruña nace no ano 2000 coma unha exposición fotográfica que pretendía mostrar o traballo dos fotoxornalistas da cidade da Coruña. Dende entón e sen interrupcións, a maioría de profesionais que traballan neste ámbito de actuación tanto en diarios coma revistas, gabinetes de comunicación e axencias de noticias seguen a reunirse cada ano ao redor deste evento e da publicación que edita a Deputación da Coruña. Así, conséguese unha extraordinaria mostra dos acontecementos que suceden na cidade ao longo do ano.