Cambados habilitará 1.300 prazas de estacionamento durante a Festa do Albariño

CAMBADOS> O Concello de Cambados vai habilitar unhas 1.300 prazas de estacionamento para a Festa do Albariño. O goberno local creará cinco áreas de estacionamento disuasorio, confiando de novo en  asociacións do municipio para a súa xestión. Este ano, ademais, haberá unha leira destinada a zona de acampada e estacionamento de caravanas.

O Concello de Cambados repite a fórmula de habilitar aparcamentos públicos disuasorios durante a Festa do Albariño. As áreas de estacionamento estarán ubicadas nas entradas da vila en cinco parcelas da Avenida Vilagarcía, a Avenida Castrelo e da Avenida Vilariño. En total, vanse poñer a disposición dos visitantes unhas 1.300 prazas.

Despois de chegar a un acordo cos seus propietarios, o goberno local asumiu o seu mantemento e posta a punto das leiras. De cobra-las prazas encárganse tres organizacións de Cambados: o Xuven, O Juventud e a Protectora O Refuxio. A tarifa é única: 3 euros ó día.

A maiores das zonas de estacionamento, este ano o Concello habilita tamén unha parcela na Rúa Pacheca, que estará destinada a tendas de campaña e caravanas.