Cada vez máis mulleres fórmanse en maquinaria pesada no Salnés

RIBADUMIA> 15 persoas desempregadas participan no curso de manexo de minipás e retroexcavadoras da Mancomunidade do Salnés. Trátase dunha acción formativa incluída no plan integrado de emprego do organismo comarcal. Nesta edición, a presenza feminina continúa aumentando, acadando xa o 30%. Trátase dun sector cunha alta demanda de operarios.

A Mancomunidade do Salnés segue formando a persoas desempregadas da comarca a través do seu programa integrado de emprego. Nesta ocasión son 15 as persoas que están a participar nunha nova edición do curso de manexo de minipás e retroexcavadoras.

Desta edición salienta a cada vez maior presenza de mulleres, nun sector tradicionalmente masculinizado. Nesta convocatoria, o 30% das prazas están ocupadas por mulleres.

O alumnado pola súa banda, salienta a utilidade deste curso, ao que lle están sacar todo o proveito posible. Están a adquirir destrezas como a construción de cunetas, movemento de terras, apertura de gabias, preparacións de terreos, limpezas de canles ou ríos ou desbroces forestais.

Aí está unha das claves desta acción formativa. Un futuro laboral case que garantido, ante a alta demanda por parte das empresas e a falta de profesionais.

O Programa Integrado de Emprego está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e cofinanciado polo propio organismo comarcal.