
En cando a Dirección Xeral de Patrimonio conceda a autorización, o concello de Cambados procederá a levantar unha barreira natural no entorno da torre de San Sadorniño coa fin de protexer os restos arqueolóxicos descubertos esta fin de semana. Trátase dos vestixios dun muro que podería corresponder a algunha antiga construción.
O arqueólogo municipal será o encargado de supervisar o levantamento da muralla natural. Terá dous metros de altura e realizarase con pedra e area para respectar o entorno. Deste xeito poderá procederse ó seu estudo pormenorizado, pois ó subir a marea queda mergullado.
Existen referencias históricas do século XVI que aluden á existencia dun pequeno núcleo de poboación no illote no que se levanta a torre de San Sadorniño, unha edificación do século XI que formaba parte dun forte defensivo para protexer as costas da ría de Arousa de invasións bárbaras.
Redacción Salnés