A centola: pouca e cara. Os camaróns polas nubes

PONTEVEDRA> Vamos agora ás Prazas de Abastos para comprobar como evoluciona a venda de mariscos a dúas semanas do Nadal. Se vostedes son dos que adiantan as compras para aforrar nestas festas, deanse presa porque case non hai marisco, co que o prezo dispárase en produtos como a nécora a centola ou o camarón.

Pouca centola e nécora pero ben cara. As augas frías e a falla de que se revolva ben o fondo do mar impide que os pescadores traian marisco fresco ás lonxas; o que repercute directamente nos seus prezos, que cotizan á alta. Así están estes prezados mariscos da Ría nas Prazas de Abastos galegas a pouco máis de dúas semanas para o Nadal. No mercado de Pontevedra hoxe había ben de centola pero cuns prezos que xa non son aptos para tódolos petos. Pola súa banda ó camarón xa non se lle chega. A cigala de fóra véndese entre os 30 e os 50 euros e os peixes de calidade tamén comezan a incrementar o seu prezo. Hoxe o linguado xa pasaba dos 30 euros. Con este panorama, son moitos os que adiantan as súas compras para conxelar para as festas e conseguir así comer marisco no Nadal a un prezo moderado. En xeral, as amas de casa saben ben o que compran. Fedellan no marisco para ver se está en boas condicións e piden consello ó seu vendedor de confianza. A partires de aí, compre saber conxelar para que o marisco non se estrague co xeo. As previsións para os próximos días é que os mariscos sigan subindo os seus prezos e tamén os peixes nos últimos días. Con todo, en Galicia temos unha chea de produtos de calidade para celebrar o que faga falla, sen deixar o soldo no xantar dun día.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/10/praza.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/10/prezos_centola_praza.mp4{/flowplayer}