O BNG denuncia o ‘colapso’ da Atención Primaria poñendo o centro de saúde de Raxó como exemplo

POIO> O BNG reclama á Xunta que aprobe un plan de choque para a Atención Primaria. Hoxe a voceira nacional trasladouse ata o centro de saúde de Raxó, no concello de Poio. Un ambulatorio que dende principios deste mes permanece aberto pero sen médico. Para Ana Pontón, a súa situación é un exemplo do colapso que sofre a atención primaria en Galicia.

O BNG alerta do colapso da Atención Primaria en Galicia. Esta mañá, a súa voceira nacional trasladouse ata o centro de saúde de Raxó, no concello de Poio. Un ambulatorio que, asegurou, é exemplo do colapso da sanidade pública galega: dende principios de xullo permanece aberto pero sen médico, polas vacacións do facultativo.

Ana Pontón reclamou á Xunta un plan de choque para evitar esta situación da Atención Primaria. Segundo a nacionalista, a sanidade precisaría dunha achega de 200 millóns de euros para contratar máis persoal e ampliar carteira de servizos.

O BNG demanda tamén que por lei se establezan os recursos a destinar á atención primaria. Segundo Pontón, é precisa unha reforma da lei galega de saúde para que o 25% de todos os cartos destinados a sanidade sexan para os centros de saúde.

Pontón defende tamén que a situación actual é froito de anos de recortes e privatizacións, que se viu empeorada pola mala xestión da carga asistencial durante a pandemia.

Segundo o BNG, Galicia está á cola de todo o Estado en investimento sanitario, con 47 millóns de euros menos para a atención primaria que en 2009.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí