Boiro Novo esixe medidas de seguridade na estrada entre Boiro e Cespón

    BOIRO> Boiro Novo reclama a mellora da seguridade vial na estrada DP-1106 que une Boiro e Cespón. Dende a formación aluden á elevada densidade de tráfico deste vial, xa que se trata da principal vía de chegada para os núcleos mais importantes das parroquias de Abanqueiro e Cespón. Para Boiro Novo o firme desta estrada, a DP-1106 que une os núcleos de Boiro e Cespón, presenta innumerables deficiencias que supoñen un perigo para usuarios, sobre todo para os peóns que en moitas ocasións se ven obrigados mesmo a transitar polo asfalto, ó non existir beirarrúas nalgúns tramos. Por esta razón dende Boiro Novo solicitan un plan de actuación integral na dita estrada procedendo de forma urxente e inmediata á súa sinalización tanto horizontal coma vertical, se acometa a instalación de beirarrúas, especialmente no tramo de Quinteiro ata San Roque, así como a mellora da iluminación nos puntos onde esa sexa deficiente. Entre outras cuestións tamén piden unha actuación sobre as lombas redutoras de velocidade sitas en dita estrada, actualmente en mal estado debido a falta de mantemento.