Empresarios chineses interésanse polas camelias, conservas e viño das Rías Baixas

PONTEVEDRA> Unha delegación de empresarios chineses encabezados por un dos homes máis ricos do mundo visitaron hoxe as Rías Baixas. Buscan terreos nos que producir camelia e obter aceite e produtos cosméticos derivados desta flor, pero tamén empresas ás que poder mercar conservas e viño albariño para comercializar nas súas cadeas de alimentación. Na Estación Fitopatolóxica do Areeiro comezaba esta mañá a visita da delegación chinesa ás Rías Baixas. Chegan atraídos polo potencial investigador e produtivo de Pontevedra no eido da camelia, de feito esta misión comercial xurdiu a raíz da celebración do Congreso Mundial da Camelia nesta cidade. Buscan terreos en Galicia nos que poder producir esta flor e aproveitar o seu cultivo para a obtención de produtos como aceite ou cosméticos. Pero o interese destes empresarios non se limita á camelia. A visita incluíu un percorrido por unha conserveira e unha adega de Rías Baixas xa que a delegación estaría buscando firmas ás que mercar grandes cantidades destes produtos. De feito tralo paso por Conservas de Cambados e Martín Códax, a súa axenda inclúe tamén outras adegas das Denominacións de Orixe Ribera del Duero e Rioja. Agora Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia responderán a esta visita preparando unha misión comercial de empresarios galegos a China para estudar e concretar qué produtos poderían ter cabida neste mercado. Especialmente na zona onde se asenta o Grupo Sinomaster, sur de China e a zona de Hong Kong. Esta firma é propiedade de Shaowu Huang, que encabeza ó grupo de empresarios e figura na lista Forbes como un dos homes máis ricos do mundo. Ademais de aproveitamento comercial, este intercambio dará tamén froitos no eido turístico. De feito esta era a primeira vez que estes chineses estaban en Galicia, e segundo eles, quedaron encantados. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/15/chinesesriasbaixas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/15/RECEPCION_CHINESES_CAMELIA_ALBARINO.mp4{/flowplayer}