Un narco arrepentido alega que traficou con coca ‘por necesidade económica’

    PONTEVEDRA> Un vilagarcián confesa que se uniu a unha rede de tráfico de cocaína entre Arousa e Cádiz empurrado pola falta de emprego e por non ter ningún tipo de ingreso. Agenor Conde foi un dos cinco acusados que esta mañá compareceron pola súa presunta vinculación coa Operación Potro, un operativo que en marzo do 2012 desartellaba un traspaso de sete quilos de coca entre Galicia e o sur de España. Á fronte, un histórico narco de Ponteareas, Florencia Groba, quen negou a súa implicación ó igual que outro veciño de Vilanova. Foi o primeiro en declarar e o primeiro en caer. O gaditano Jesús Gallardo, ó que os investigadores consideran o destinatario dos seis quilos de cocaína que transportaba o vilagarcián Agenor Conde desde Galicia a Cádiz recoñeceu coñecer ó presunto líder da rede de narcotraficantes que operaba entre Arousa e o sur de España á súa caída en marzo de 2012. A el, Florencio Groba, de Ponteareas, e a Agenor. O andaluz admitiu que o quilo de cocaína atopado a maiores no seu domicilio era seu e amosou arrepentimento a cambio dun acordo coa fiscalía que lle rebaixaba a pena de trece anos de cadea a sete e seis meses de prisión. Arrepentido tamén se amosou o vilagarcián Agenor Conde. O suposto transportista do cargamento de seis quilos de cocaína que debía entregar en Cádiz. De novo a cambio dunha rebaixa na pena acordada co Ministerio Público: dos sete anos iniciais quedaría en seis. Agenor alegou que coñeceu ó presunto líder da trama por medio dun familiar, que llo presentou nun intento de buscar ingresos ante a mala situación económica pola que pasaba. Agenor declarou que foi íntimo amigo de José Vázquez Rego, outro dos acusado. Este veciño de Vilanova recoñeceu que coñecía a Agenor desde había máis de trinta anos, que tiñan unha amizade estreita. El conducía o coche lanzadeira que viaxaba desde Arousa a Cádiz, diante do de Agenor, actuando como escolta para avisar de posible presenza policial e que o cargamento de seis quilos de coca que transportaba Agenor chegase ó seu destino. Ía con el Florencio Groba, ó que declarou coñecer por medio de Agenor pero que só coincidiran un par de veces. Os investigadores consideran a José Vázquez o propietario da droga que transportaba Agenor e o encargado de organizar o transporte da mercadoría xunto con Florencio e Agenor. No tocante ó histórico narco de Ponteareas, a súa defensa artellou unha estratexia completamente distinta: quixo facer ver que Florencio xa fora xulgado e condenado a cadea polos feitos que estaban tratando pola Audiencia de Sevilla e avanzou que pediría a nulidade de tódalas actuacións. En canto ó último dos acusados, Alejandro González, recoñeceu que se dedicaba ó tráfico a pequena escala de chocolate en Lugo, pero nunca ó de cocaína, polo que a acusación tamén reduciu a súa pena de cinco anos e medio a tres. A primeira testemuña en declarar, un dos policías que participaron na investigación, confirmou a participación do entramado e as vinculacións entre eles. O xuízo continuará nos próximos días na Audiencia provincial de Pontevedra. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/16/XUIZOOPERACIONPOTRO.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/16/XUIZO_OPERACION_POTRO.mp4{/flowplayer}