VILAGARCÍA> Preto dunha ducia de centros educativos daranse cita en Salnés Ciencia. A segunda edición desta feira vaise celebrar este domingo na praza da Peixería de Vilagarcía. Alí a rapazada poderá amosar os seus experimentos e proxectos. Cada centro contará cun espazo propio para poder presentar as súas iniciativas. Este ano o instituto anfitrión é o Cotarelo Valledor de Vilaxoán.
No instituto de Vilaxoán levan meses agardando polo gran día. Este domingo o seu centro será o anfitrión da edición de Salnés Ciencia. Unha feira onde a rapazada poderá amosar os seus experimentos e proxectos.
O Cotarelo Valledor colle o testemuño dun evento que naceu o ano pasado en Cambados e no que van participar desta volta once centros da comarca.
No caso do instituto vilaxoanés, a rapazada presentará proxectos do máis variado. Entre eles, salienta unha proposta de cociña molecular.
Na feira farán unha demostración en directo, como tamén tentarán preparar algún alimento a través das cociñas solares que prepararon na clase de tecnoloxía.
Un proxecto que, máis alá da tecnoloxía, supón que o alumnado afonde noutras materias.
Pero a proposta deste grupo inclúe tamén unha parte máis lúdica, con distintos xogos nas que as matemáticas son a clave.
E como eles, tódolos centros levarán as súas propostas, que serán expostas na praza da Peixería durante toda a mañá do domingo. Haberá tamén unha zona de presentacións.
A feira, máis alá da rapazada e das súas familias, estará aberta para todo o mundo.











