Lantero comezará o 2015 aplicando o ERE extintivo

    VILAGARCIA> Lantero rematou esta mañá sen acordo o período de negociacións imposto para negociar as condicións laborais da empresa. O fracaso destas negociacións implica que a cartoneira vilagarciá comezará o ano aplicando un ERE extintivo que implicará 45 despedimentos, 15 externalizacións, e unha baixada media do soldo de todo o plantel do 20 %.

    Racharon definitivamente as negociacións no seo da empresa Lantero. Esta mañá tiña lugar a última das reunións para negociar o ERE extintivo proposto pola dirección da empresa. Unha xuntanza que rematou moi lonxe de calquera acordo, segundo a dirección da empresa pola falla de vontade do comité de empresa; e segundo o comité de empresa porque a empresa desbotou a medida de comezar cun ERE temporal ou facer máis atractivas as condicións para que os empregados se acollesen a posibles baixas voluntarias.

    A Dirección de Lantero cualificou de maximalistas os requirimentos dos traballadores: aseguran que lles pedían o tope legal establecido para os despedimentos, cifrado no cobro de 45 días de indemnización con 42 mensualidades e uns 25.000 euros de indemnización para cada traballador.Amais, volveron a esixir hoxe o pago do 100 % dos salarios dos traballadores durante toda a folga, que continúa a día de hoxe. Unhas esixencias, para os xerentes, e que dan conta do inmobilismo e da intención de negarse a negociar por parte do comité. Pola contra,o Comité culpa tamén á dirección da empresa de falla de vontade para negociar. Aseguran que a súa postura de hoxe era un punto de partida sobre o que traballar.

    Así as cousas, o vindeiro día 23 a empresa asinará a acta formal de fin do período de consultas do ERE. A partires de aí ten sete días, ata o 30 de decembro, para comunicar ó Comité de Empresa e á Autoridade laboral que vai a aplicar o ERE a partires do primeiro de xaneiro do 2015. As condicións actuais son de 41 despedimentos, máis outros 15 que se contratarían de xeito externo; alleos ó staff da empresa; cunha indemnización de 20 días por ano traballado, cun tope de 12 mensualidades. Amais aplicará unha baixada salarial media do 20 % a toda a plantilla. Pola súa banda, os traballadores continuarán ca folga á espera dunha vindeira reunión na que acordaran se intensifican os seus actos reivindicativos.

    Agora queda pendente o compromiso do Concello de Vilagarcía de non recalificar os terreos onde estaba ubicada a empresa no centro urbán si se efectúan finalmente os despedimentos. Este conflicto sociolaboral foi obxecto de debate parlamentario esta mañá.

    O BNG interpelou ó goberno autonómico sobre o seu papel no caso Lantero. Ó cabo da sesión, a nacionalista Montse Prado lamentou que a Xunta se limite a vixiar a documentación presentada e a ceder as instalacións no canto de empregar cantos instrumentos políticos ten na súa man para buscar unha solución que free a sangría de emprego no Salnés.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/19/lantero.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/19/reunion_lantero.mp4{/flowplayer}