A elite do tenis galego darase cita novamente en Ribeira

RIBEIRA> Na capital barbanzá disputarase esta fin de semana, do 2 ó 4 de xaneiro, o Master Galego, a proba de referencia en Galicia desta modalidade deportiva. Os pavillóns polideportivos de Sirves e da Fieiteira serán o escenario deste torneo no que competirán os 16 mellores xogadores de Galicia, tanto en categoría masculina coma feminina, ó longo de 2014. Aínda que un dos a priori favoritos, o vigués Miguel Casal, trece veces campión deste torneo, causará baixa, o nivel dos participantes será moi elevado coa presenza de Roberto Rodríguez, actual número un do ránking masculino, e en categoría feminina destaca Valeria López. Destaca tamén a presenza no torneo de dous tenistas que representarán á comarca do Barbanza, como son a boirense Belén Hermo e o ribeirense Pablo Chouza. Este último agarda poder facer un bo papel diante da súa afección. Os partidos darán comezo ás dez da mañá e prolongaranse ata as nove da noite, aproximadamente. As finais, tanto masculina como feminina, terán lugar o domingo na Fieiteira, a primeira ás tres e a segunda ás cinco. Dende a organización destacaron tamén os 2.300 euros que se destinarán a premios, con aportacións económicas que van dende os 30 euros ós 220, que se levarán os campións do torneo. A actividade completarase ademais cunha nova edición do tradicional Torneo de Nadal para categorías absolutas e tamén categorías inferiores, polo que dende o concello e dende o propio Club Tenis Punta Salera fan un chamamento a tódolos afeccionados a asistir ó torneo que promete tenis de gran calidade.