O PSOE esixe a posta en valor e apertura ó público do Pazo de Goiáns

    BOIRO> O PSOE de Boiro solicita a posta en valor e uso do pazo de Goiáns e a súa contorna. Demandan tamén a entrada en servizo doutras infraestruturas herdadas de anteriores gobernos como o aparcadoiro da Boqueira de A Negral, o viveiro de empresas ou o centro de formación de hostalería. Os socialistas boirenses critican a pasividade do goberno local ó que acusan de non ter continuado cos proxectos iniciados durante a anterior lexislatura. Principalmente refírense ó pazo de Goiáns que, din, está a deteriorarse paulatinamente pola falla de uso. Por esta razón, piden que se acometa unha actuación para dotar ó recinto das medidas de seguridade que permitan a súa apertura ó público. Outra das propostas da agrupación socialista é a solicitude de declaración de Ben de Interese Cultural que permitiría optar a unha serie de subvencións para o acondicionamento do pazo e evitaría futuras especulacións urbanísticas sobre a finca. Co obxectivo de frear o deterioro do pazo solicitan ó concello a elaboración dun estudo para a reparación provisional da cuberta e o deseño dun plan de usos para planificar o aproveitamento futuro deste elemento patrimonial. Ademais do pazo de Goiáns, o PSOE demanda a dinamización doutras instalacións municipais como o viveiro de empresas ou o aparcadoiro de A Negral , actualmente en desuso.