Pobra e Boiro beneficiaranse das melloras sociais de Vicepresidencia

    BARBANZA > A Consellería de Vicepresidencia vai acometer unha serie de proxectos encamiñados a mellora-los servizos socias para as persoas dependentes na provincia da Coruña.

    Esta actuacións, que afectarán a varios concellos barbanzáns, recóllense en distintos programas como son o Plan de Mellora de Centros, a Rede Galega de Centros de Día e o proxecto Galiza sen Barreiras. A Pobra do Caramiñal será un dos concellos beneficiarios desta axudas posto que está prevista unha actuación na residencia da terceira idade desta localidade co obxectivo de mellora-la seguridade e habitabilidade do centro. A obra, que se executará nun prazo de catro meses por un importe próximo ó 150 mil euros, inclúese no Plan Integral de Mellora de Centros. Dentro deste programa levaranse a cabo actuacións noutras residencias da provincia como é o caso da ampliación da residencia de Ferrol ou as melloras nos centros Porta de Camiño en Santiago, Torrente Ballester na Coruña e a residencia de Carballa. En toda a provincia, a actuación suporá un total de nove millóns de euros e a creación de 360 prazas para persoas dependentes,  cento cincuenta de nova creación, na residencia Volta do Castro en Compostela, e duascentas dez como resultado da conversión de prazas en centros que xa se atopan en funcionamento.

    Outra das liñas de acción da Consellería de Vicepresidencia céntrase na creación dunha rede galega de centros de día que permita dotar da atención precisa ás persoas maiores sen necesidade de abandona-lo entorno familiar. Nesta rede integrarase o centro diurno para a terceira idade de Boiro que xa recibiu unha subvención de preto de douscentos mil euros por parte do ente autonómico que posibilitará a posta en marcha deste servizo unido á atención ós máis pequenos a través da gardería municipal. En total, está prevista a construción na provincia da Coruña de tres centros residenciais e nove centros de día así como a reforma dunha vivenda comunitaria, dous centros de día e a ampliación dun terceiro.garderia_200_03102006.jpg

    A actuación do departamento de Igualdade e Benestar Social non se limitará unicamente a mellora-las condicións das persoas da terceira idade senón que ten por obxectivo converter ás cidades galegas nun exemplo de integración e calidade de vida, igualando os dereitos de tódolos cidadáns. Co obxectivo incrementa-las condicións de accesibilidade para as persoas con discapacidade, está a desenvolver o programa Galiza sen barreiras que conta cun millón e medio de euros para a súa execución. O plan contempla tres liñas de acción como son a eliminación de barreiras en espazos e equipamentos públicos, o equipamento de novas tecnoloxías para os servizos sociais de titularidade municipal e a disposición de recursos e servizos específicos para as persoas con algún tipo de discapacidade.

    Redacción Barbanza