Rianxo acondiciona as súas praias para facilitar a limpeza ante a posible chegada de pellets

RIANXO> O concello de Rianxo é un dos pouco do Barbanza que aínda non resultou afectado polo vertido de pellets. Sen embargo, a brigada de obras está a realizar tarefas de limpeza nas praias retirando os restos de vexetación para facilitar a retirada dos plásticos no caso de que acaben chegando ó seu litoral.

Os modelos meteorolóxicos apuntan a un cambio das condicións climatolóxicas e das correntes de cara ás próximas horas que podería propiciar a chegada de máis pellets de plástico ás costas galegas. Aínda que de momento Rianxo non rexistrou resto algún nas súas praias, o concello decidiu ser previsor anticipándose á posible chegada do vertido. A brigada de obras traballa nas praias rianxeiras para retirar os restos de vexetación e acondicionar os areais para facilitar a recollida de pellets no caso de que acaben por chegar.

O concello decidiu acometer estas tarefas por propia vontade a cos recursos cos que contan a nivel municipal, ante a falla dun plan de coordinación por parte da Xunta de Galicia máis ocupada, din dende o concello, no cruce de acusacións entre as distintas administracións.

Ante esta situación, o alcalde de Rianxo mantense en contacto co resto de rexedores da comarca que xa manifestaron a súa disposición a compartir recursos no caso de ser necesarios.