‘Outra volta de Roda’ en Rianxo

RIANXO> O auditorio rianxeiro acollerá este próximo sábado, a partir das oito e media da tarde, un concerto a cargo do emblemático grupo folk galego A Roda. A actuación servirá ademais de presentación do seu último disco titulado ‘Outra volta de roda’, coa que a histórica formación percorre as principias vilas e cidades da nosa comunidade. Con preto de corenta anos enriba dos escenarios, A Roda, o coñecido grupo folk vigués, continúa hoxe moi vivo. Proba diso é o seu último traballo presentado a primeiros do pasado verán, co título ‘Outra volta de Roda’. Un libro-cd que lembra todos eses anos da formación, con vellos e renovados temas, co que se persegue tamén render unha homenaxe a vellos compoñentes da formación, algún deles xa falecidos, como é cado de Fito. Ademais neste traballo A Roda conta coa participación de numerosos colaboradores: Naijla Shami, Ses, Luís Vaamonde ou o propio presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, autor do prólogo do libro-cd. Para os membros da formación, o concerto en Rianxo ten unha especial motivación. Para o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, que tamén participou no acto de presentación deste concerto, A Roda ten un especial protagonismo, xa que se trata dunha formación capaz de converter os seus temas en verdadeiros himnos. As persoas interesadas en acudir ó concerto poden retirar xa as entradas na cafetería Castelao ou ben o mesmo día da actuación. O prezo da entrada será de cinco euros.

Comments are closed.