O Céltiga pecha a contratación de Hugo Soto

hugo250_240709.jpgA ILLA> Tras días de conversas, o dianteiro de Vilaxoán decidíuse pola oferta do Céltiga, pese a non ser, no económico, a máis sustanciosa das que tiña enriba da mesa.

Xa lles estivemos anunciando durante estes días que o dianteiro Hugo Soto, ex do Arousa, estaba moi preto do Céltiga. Pois ben, hoxe confirmouse a súa fichaxe.

O presidente do club da Illa, Manuel Martiñán, daba a coñecer o acordo entre ambas partes, acadado a primeira hora desta tarde. Hugo rexeitou outras ofertas de clubs potentes da Terceira por quedarse preto da casa; iso, máis o proxecto deportivo que ten o Céltiga para esta temporada, acabaron por convencer ó pichichi da última liga.

É polo tanto unha gran nova para os afeccionados do Céltiga que poderán desfrutar este ano dun dos mellores dianteiros da categoría. Con el son xa 19 xogadores dos que dispón Pablo Vázquez para esta temporada.

A directiva agora manterase á espera para ver se aparece algún xogador interesante co que completar o plantel. En caso de que chegase algún máis sería un mediapunta, pero con todo, non é algo prioritario e só ficharían se aparece unha boa oportunidade.

Redacción Salnés