Boiro Novo esixe maior participación cidadá na vida municipal

    BOIRO> Entre outras cuestións pídenlle ó executivo local que sexan os propios veciños os que decidan as obras prioritarias en cada parroquia. Despois de constituírse en asemblea o pasado mes de decembro, Boiro Novo xorde coma unha iniciativa de carácter cidadá, que aglutina tamén a distintas asociacións e colectivos de ambito local, que pretende ser unha alternativa de goberno á alcaldía boirense nos vindeiros comicios municipais a celebrar no mes de maio. Nese camiño, neste momento atópanse coa elaboración do seu programa electoral, que levan a cabo a través de grupos de traballo, que están abertos a tódolos veciños do municipio. Dende Boiro Novo perséguese outra forma de facer política, baseada en principios de transparencia na xestión pública e de participación cidadá. Dous conceptos esquecidos polo actual equipo de goberno, como pode verse segundo eles na recente aprobación dos presupostos municipais para este ano. Propoñen que se habiliten os mecanismos que permitan á cidadanía poder decidir as prioridades existentes na súa parroquia e se publicite na páxina web municipal tanto o documento orzamentario coma as convocatorias plenarias.