O xuíz decreta o arquivo provisional do caso Diana Quer e levanta o segredo de sumario

    RIBEIRA> O xulgado de Instrución Número Un de Ribeira decretou o sobresemento provisional da causa pola desaparición de Diana Quer e o levantamento do segredo de sumario. O xuíz notificáballe a decisión ós pais este mércores nas dependencias xudiciais de Ribeira. A piques de cumprirse oito meses da desaparición de Diana Quer, o proceso penal queda paralizado temporalmente. O xuíz comunicaba esta mañá ós pais o sobresemento provisional da causa así como o levantamento do segredo de sumario. Facíao nas dependencias xudiciais de Ribeira a onde chegaban por separado. Ás once e media da mañá facía a súa entrada Diana López Pinel expresando o seu desexo de que non se alzase o segredo sumarial E media hora máis tarde chegaba Juan Carlos Quer que non quixo facer declaracións ata escoitar as resolucións do auto xudicial. A primeira en abandonar os xulagos foi a nai visiblemente afectada polo arquivo do caso. De igual modo, o pai expresou a súa tristeza por esta decisión que, aínda que respecta, non comparte. Solicitou ademais o máximo respecto para a súa filla ante o que cualificou de feito lamentable que lle podería ter acontecido a calquera familia. O sobresemento provisional non implica o fin da investigación por parte da Policía Xudicial que mantén abertas varias liñas de traballo. Sen embargo, a falta de probas contundentes que poidan sinalar un sospeitoso ou o móbil da desaparición levou ó xuíz a arquivar temporalmente o caso que podería reabrirse no momento en que aparezan novos indicios.