Valga e Pontecesures únense plataforma para pedir a gratuidade da AP-9 entre Padrón e Caldas

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/13/variante_valga.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/13/variante_valga.mp4{/flowplayer} 

 

VALGA> Os veciños de Valga e Pontecesures están en pé de guerra. O proxecto do Ministerio de Fomento de construír unha estrada alternativa á Nacional 550 en ambos municipios, ven de provocar o rexeitamento frontal dos dous concellos. Un descontento que se canalizará a partires deste sábado co nacemento da Plataforma Variante Non, dende a que tamén defenderán a súa alternativa: a gratuidade da AP-9 no treito Padrón-Caldas.

Os plans de Fomento non gustan en Valga e Pontecesures. Os veciños rexeitan de pleno a construción dunha estrada alternativa á Nacional 550, unha vía de dous carrís ampliables a catro.

O desacordo con esta infraestrutura parece ser unánime. Os plenos de Valga e Pontecesures xa rexeitaron o proxecto, e máis de 600 veciños xa asinaron en internet na súa contra. Agora os descontentos queren dar un paso máis, co nacemento o sábado ás 7 da tarde da Plataforma Variante Non.

Haberá que agardar á creación da plataforma para coñecer a súa folla de ruta, pero punto de partida será o rexeitamento non só desta variante, senón tamén das outras tres propostas. A única opción que ven sobre a mesa é a liberación da AP-9 no treito Padrón-Caldas.

Algo diferente é a postura do concello de Valga. A opción número 1, a construción dunha nova variante no monte que hai paralelo á autoestrada, convence ao rexedor Bello Maneiro. Nunha xuntanza mantida hoxe, o alcalde escoitou as propostas dos veciños afectados, que agora trasladará á ministra Ana Pastor nunha xuntanza prometida dende Fomento pero para a que aínda non hai data.