BARRO> Esta mañá declarou nos xulgados de Caldas o presunto homicida de Jéssica Fernández. A moza, de tan só 29 anos, faleceu despois de que o home empotrase o seu coche contra o dela en Barro. O autor destes feitos xa tiña unha denuncia da vítima por acoso. Despois da súa comparecencia, decretouse para el prisión provisional, comunicada e sen fianza.
Prisión provisional, comunicada e sen fianza para José Eirín, o presunto homicida de Barro que rematou coa vida de Jéssica Fernández. O varón, de 41 anos, foi citado a declarar esta mañá nos xulgados de Caldas, onde -tanto na súa entrada como saída- se viviron momentos de tensión e angustia.
Un grupo de persoas agardaba alí por el, entre insultos e berros que reclaman xustiza para a moza. A vítima, de tan só 29 anos, era natural de Verducido, en Pontevedra, aínda que residía coa súa parella en Portas. Tiña moito vínculo con Barro, onde residían familiares seus.
Os feitos que remataron coa súa vida tiveron lugar o pasado xoves neste cruce da N-550 en Porráns. O home empotrou o seu coche contra o de Jéssica. O que nun primeiro momento semellaba un accidente, converteuse axiña en algo máis.
O home tería aproveitado que a vítima estaba detida neste cruce para acabar esnafrándose contra o seu coche, xusto á altura da porta da condutora. Tivo que facelo a unha gran velocidade, vendo estas pegadas que mostran como o vehículo de Jessica foi arrastrado durante metros. Detrás deste caso atoparíase un episodio de acoso que vén de vello. De feito, a moza denunciárao por terlle picado as rodas do coche. Unha situación da que eran coñecedoras ambas familias.
E á vista do ocorrido, o alcalde entende que estamos ante un caso de violencia machista, aínda que o agresor non fose parella da vítima. Un argumento que comparte a voceira do goberno local de Pontevedra, de onde era natural Jessica.
Tampouco teñen dúbidas no Colectivo Feminista Pontevedra, presente esta mañá ás portas dos xulgados de Caldas. Falan dun ‘feminicidio’.
Para mañá hai convocadas diferentes concentracións de repulsa en toda Galicia. Antes, esta mesma tarde en Barro, o círculo próximo de Jessica organizou tamén un acto de repulsa ás portas da Casa do Concello.