Jacobo Pérez Gulín, cuarto alcalde socialista da democracia en Caldas

CALDAS> Jacobo Pérez Gulín xa é o novo alcalde de Caldas. Esta mañá tivo lugar a sesión de investidura do socialista, logo da renuncia de Juan Manuel Rey hai uns días. Gulín convértese no cuarto alcalde da democracia no municipio. Esta mañá estivo arroupado polos seus predecesores no cargo e compañeiros de partido. O novo alcalde prometeu honestidade e transparencia na súa xestión.

Jacobo Pérez Gulín tomou posesión hoxe como cuarto alcalde da democracia en Caldas de Reis. O socialista recibiu o bastón de man de Juan Manuel Rey, o que foi rexedor da vila nos últimos 18 anos, cos outros dous alcaldes do concello, Adolfo Abalo e José María Tobío, como testemuñas. O socialista foi elixido cos cinco votos a favor do seu partido e os dous do BNG.

Nun ateigado salón de plenos, na súa primeira intervención como alcalde, prometeu honestidade e transparencia na súa xestión.

E avanzou que por diante Caldas enfróntase a grandes retos.

Gulín tivo tamén palabras de agradecemento para o alcalde saínte. Dixo que era un dos responsables de que hoxe el estivera alí e que o seu compromiso con Caldas ao longo dos últimos 30 anos é un exemplo para todos.

Tamén tivo palabras de recoñecemento para Juan Manuel Rey, o líder do BNG, que foi o encargado de presidir esta sesión extraordinaria como alcalde ata a elección do socialista.

Na sesión deuse conta tamén da renuncia de Rey á súa acta como concelleiro, pechando así tres décadas de actividade política no consistorio. No seu lugar entra Luis Ares, seguinte na lista do PSdeG.