VALGA> Xa están operativos en Valga os dous pasos elevados sobre as vías do tren. O ADIF investiu alí 3,5 millóns de euros para eliminar os pasos a nivel situados nos cruces cos camiños de Castiñeiras e Carracido. Na visita a esas obras, o subdelegado do goberno en Pontevedra avanzou que se van suprimir nun prazo máximo de tres os dous a nivel que aínda quedan neste concello, un deles no límite con Pontecesures e outro preto a Catoira.
O tren xa circula por esta zona de Valga garantindo a seguridade de condutores e peóns. O ADIF investiu 3,5 millóns de euros na eliminación dos dous pasos a nivel da liña Vilagarcía de Arousa–Bifurcación Angueira, situados nos cruces cos camiños de Castiñeiras e Carracido.
Para a supresión dos pasos a nivel construíronse pasos superiores sobre a vía do tren, así como dous viais paralelos á traza.
Na visita o subdelegado do goberno en Pontevedra destacou o compromiso do goberno central coa mellora das infraestruturas ferroviarias na provincia.
E agradeceu a colaboración do Concello de Valga, que asinou un convenio polo que se fixo cargo das expropiacións necesarias para a eliminación destes dous pasos a nivel. Ademais, hoxe tamén anunciaron que o ADIF suprimirá tamén outros dous pasos a nivel en Valga, un deles no límite de Pontecesures e o outro preto de Catoira. O ADIF e o Concello están xa traballando nun convenio de colaboración que permitirá materializar estas obras nun horizonte de tres anos.
Na provincia de Pontevedra aínda quedan 34 pasos a nivel pendentes de suprimir.











