A vendima dá os primeiros pasos no Salnés

MEIS> A vendima dá os seus primeiros pasos na comarca de O Salnés. Algunhas adegas xa comezaron a recoller a uva de determinadas parcelas que, na maioría dos casos, destinarase á elaboración de viños especiais. É o caso de Martín Códax, que vendima a uva coa que producirán o seu escumoso.

Desmontando as previsións iniciais, a vendima dá os seus primeiros pasos na Denominación de Orixe Rías Baixas. A pesares do retraso acumulado ao inicio do verán, as altas temperaturas de agosto e setembro adiantaron o calendario.

Unha das adegas que xa arrincou a vendima en O Salnés é Martín Códax. Están a recoller a uva coa que elaborarán os seus viños escumosos, principalmente procedente da parcela Pé Redondo, en Meis.

Preto de 150 vendimadores traballarán para a adega cambadesa nesta campaña. A uva atópase nun bo estado sanitario, o que permitirá realizar unha vendima escalonada a partires da vindeira semana.

Tamén son optimistas dende o Consello Regulador. Máis aínda tendo en conta as dificultades que atravesaron os viñedos nesta campaña, que requiriu dun maior esforzo dos viticultores.

Agora as previsións meteorolóxicas anuncian chuvias para a vindeira semana, algo que non asusta a pé de campo. Incluso aseguran que podería ser beneficioso para os viñedos, encarando a fase final da maduración de xeito máis homoxénea.