Arte e ciencia eríxense cos Premios Cidade de Pontevedra 2014

PONTEVEDRA> Como cada ano o día de San Sebastián, Pontevedra rendeu homenaxe ós seus mellores embaixadores no eido cultural, divulgativo e deportivo. Á unha da tarde o Teatro Principal acollía a gala de entrega dos Premios Cidade de Pontevedra 2014. O micólogo Jaime Blanco Dios e o Cine Club foron nesta ocasión os galardoados. Arte e ciencia foron as disciplinas honradas na última edición dos Premios Cidade de Pontevedra. A arte representada polo Cineclub de Pontevedra, decano en Galicia, e a ciencia encarnada no micólogo e enxeñeiro Jaime Bernardo Blanco Dios. O xurado decidiu salientar a súa labor e traxectoria a prol do patrimonio e riqueza cultural e artística da cidade, aínda que na gala celebrada no Teatro Principal, tamén houbo palabras de agarimo para os demais candidatos: o artista Antón Sobral, o campión de baile deportivo Adrián Esperón, os promotores da Pontevedrada e a Asociación Celso García de la Riega. O primeiro en recoller o seu galardón foi Jaime Blanco Dios. Divulgador da ciencia e da botánica, do activismo ambiental, Blanco é, segundo destacou o alcalde pontevedrés, unha figura clave no mundo da micoloxía, cuxas descubertas se citan en publicacións científicas con repercusión internacional. Na súa intervención, inzada de agradecementos, aproveito upara reivindicar máis medios para a investigación. Tras Blanco Dios, foi a quenda de Ana Fernández, actual presidenta do Cineclub Pontevedra, que no 2014 cumpriu o seu sesenta aniversario. Seis décadas apostando por crear cultura cinematográfica, alternativa ó cinema comercial, e que agora demanda máis medios para non esmorecer. O acto rematou coa foto de familia non sen antes erixir o alcalde un recoñecemento a tódolos pontevedreses por outra distinción recibida no 2014: o Premio Hábitat, concedido polas Nacións Unidas, en recompensa ós esforzos realizados nos últimos anos para transformar a cidade, dixo Lores, ‘nun referente de calidade de vida’. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/20/premioscidadepontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/20/PREMIOS_CIDADE_PONTEVEDRA.mp4{/flowplayer}