Portos cede as instalacións de Cabo para o Encontro de Embarcacións Tradicionais

    BOIRO> Cabo de Cruz acollerá en xullo a duodécima edición do encontro de embarcacións tradicionais. Portos de Galicia cederá os espazos para as instalacións en terra así como a lámina de auga e un pantalán para o atraque das embarcacións participantes. Portos de Galicia, o concello de Boiro e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial asinaron un convenio que permitirá a celebración do encontro de embarcacións tradicionais no porto crucense. Ademais de ceder o espazo terrestre para a instalación de carpas e stands, o ente autonómico autorizará a ocupación da lámina de auga e os puntos de amarre das preto de cento cincuenta embarcación que se prevé participen no evento. Ademais de Portos, o encontro conta coa colaboración de numerosas consellerías e do concello boirense que coordinará a loxística do evento. Precisamente esa colaboración das administracións así como a implicación dos colectivos veciñais terá como resultado a gran festa marítima de Galicia. O obxectivo principal do encontro é a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo. Non só dende o punto de vista das embarcacións tradicionais senón tamén de todo ese patrimonio inmaterial que rodea a nosa cultura mariñeira. Malia que faltan aínda catro meses para o encontro, que se celebrará entre o nove e o doce de xullo, a asociación A Gamela de Cabo de Cruz, encargada da organización, traballa xa a reo para que esta cita estea a altura das últimas edicións. Hai dous anos, o porto do Freixo, en Outes, acollía este encontro que acadou un gran éxito de participación. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/24/sinaturaconvenioencontroembarcacionstradicionais2403151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/24/sinaturaconvenioencontroembarcacionstradicionais240315.mp4{/flowplayer}