Feijóo destaca a Jealsa como paradigma de empresa na industria conserveira

    BOIRO> O presidente da Xunta visitou as instalacións de Jealsa en Boiro. Alberto Núñez Feijoo destacou a importancia desta empresa nun sector estratéxico para a economía galega como é a conserva. Recolleu ademais a demanda do presidente do grupo de seguir promovendo a excelencia nos controis de calidade para acabar coa competencia desleal. Referente na industria conserveira non só pola súa capacidade de produción e xeración de emprego senón tamén polo seu compromiso coa calidade, a innovación e o medioambiente. Así definiu o presidente da Xunta os valores de Jealsa, unha empresa familiar líder no sector que conta na actualidade con dous mil seiscentos traballadores e que acadou o pasado exercicio unha facturación de seiscentos millóns de euros. Para manter esta tendencia, o presidente do grupo destacou a importancia do observatorio de trazabilidade para que tódalas conservas procedentes do exterior que se comercialicen na Unión Europea cumpran cos requisitos legais e controis de calidade esixidos. Precisamente o compromiso coa excelencia é unha das premisas do grupo empresarial, nun mercado cada vez máis globalizado pero coa vista posta no seu lugar de orixe. Co obxectivo de seguir medrando e afianzar aínda máis o seu compromiso coa comarca, Jealsa está a ampliar as súas instalacións coa construción dunha nave robotizada, anexa á fábrica do Bodión, na que inviste vinte millóns de euros. Na súa visita ás instalacións, Núñez Feijoo volveu ratificar o apoio da administración a un sector clave na economía galega, que representa o tres por cento do produto interior bruto.